
07 Ago Sistemas operativos e aplicacións que podes usar en galego
Spoiler alert: non hai nin a metade das que si podes empregar en castelán. Pero se les ata o final, quizais descubras algunha nova. Imos?
Hai un par de semanas compartín nas historias de Instagram unha foto da aplicación de tarefas que emprego na que esta me felicitaba por ter rematado as programadas para o día e animábame a descansar un anaco. A palmadiña no ombro que necesito de cando en vez. Non me escondo.

Entón, unha seguidora preguntoume cal era, porque ela tamén quería usar unha en galego.
E aí decateime de que non teño nin idea das aplicacións e sistemas operativos que podo configurar en galego. Non sei se tamén che pasa, pero eu estou tan afeita a non ter as aplicacións nin os sistemas operativos que emprego a diario na miña lingua, que moitas veces nin miro se se poden configurar en galego. E moitas das que dan a opción, despois encóntraste con que están traducidas a medias. Mira, por favor, decepcións as xustas.
Así que pensei que revisar cales se poden configurar en galego e contarche como era a súa calidade sería unha boa maneira de comezar este blog.
E fixen o que a maioría das persoas milenial facemos cando precisamos resolver dúbidas: pregunteille a Internet. Abrín unha caixa de preguntas en Instagram para saber que aplicacións está a empregar a xente en galego e tamén procurei información en liña para facer unha lista xeitosa.
É probable que xa a fixera outra persoa antes? É. Pero eu non a encontrei.
Aviso: isto non é unha lista exhaustiva. Hai moitas aplicacións que eu non uso ou que descoñezo a súa existencia e, polo tanto, non sei se dispoñen de tradución ao galego. Así que aquí vas encontrar unha lista das que uso eu ou das que puiden comprobar que dispoñen de tradución á nosa lingua.
Aí vai!
Sistemas operativos
- Windows. A última versión de Windows pode configurarse en galego directamente, pero este sistema operativo xa empezou a incorporar traducións ao galego desde a versión XP. Eu non teño aínda o ordenador en galego por medo a acabar tendo a mestura da que che falaba antes, pero se tes experiencia con este sistema operativo en galego, agradézoche a valoración nos comentarios.
- Ubuntu. E tamén as súas integracións de software libre, como Trisquel GNU/Linux, GNOME, KDE, Fedora e Open SuSe teñen dispoñible tradución ao galego. Das poucas veces que a usei, recordo que tiña unha boa tradución. De feito, todo o que coñezo de software libre ten unha tradución ao galego xeitosa.
- Android. Aínda que isto haino que coller con pinzas. Dependendo da marca do dispositivo e da versión, hainos que non traen a opción do galego. E a isto súmaselle que poucas aplicacións dispoñen de tradución a esta lingua, así que necesitas establecer unha segunda lingua para aquelas que non están traducidas. Que por desgraza son moitas.
- Apple (OS e iOS). Polo momento segue a mirar para outro lado. Aínda que a campaña de #QueremosAppleGalego leva loitando desde 2014 para que se traduza este sistema operativo. Se non viches a súa web, recoméndoche facelo se queres saber máis sobre o tema. Podes facelo aquí: https://www.queremosapplegalego.me/
Aplicacións
- Das redes sociais máis usadas, tes en galego Twitter e Facebook. Mentres que a primeira goza dunha boa tradución, a segunda non está completamente traducida e necesitas establecer unha segunda lingua para todas aquelas opcións sen tradución. Así que en xeral terala en galego, pero por veces verás opcións na segunda lingua que teñas definida. Isto é un pouco coma os cereais con pasas, se me preguntas.
Por outra banda, e aínda que Facebook é propietaria de Instagram e WhatsApp, estas dúas non están traducidas ao galego (polo menos en iPhone e Android, polo que vin).
E TikTok tampouco está traducida. Aínda.
[Se algunha vez te preguntaches que era iso da normalización lingüística, o que levas visto ata o de agora é un excelente exemplo para entendelo.
O galego non é unha lingua normalizada porque non a podes usar en tódolos ámbitos do teu día a día. E iso, obviamente, inclúe a tecnoloxía. Mentres haxa programas que poidas configurar en castelán ou inglés, por exemplo, pero non en galego, a nosa lingua seguirá sen estar normalizada. Capisci?]
E despois desta breve pero intensa paréntese, sigo.
- Ente as aplicacións de banca móbil que podes configurar en galego tes Abanca, Banco Sabadell e Caixabank.
- Navegadores web. Aquí podes poñer en galego Mozilla Firefox, Microsoft Edge e Internet Explorer. Estes últimos dependen da versión de Windows que teñas instalada no teu ordenador. E, se tes configurado Windows en galego, xa che van aparecer directamente nesta lingua. Eu uso Firefox e a verdade é que ten unha boa tradución. Dos outros dous non che podo dicir como é porque son navegadores que non emprego.
- Buscadores. Google e tódalas súas ferramentas pódense configurar en galego. E isto vai desde Gmail ata YouTube. De feito, a aplicación de tarefas da que che falaba ao principio é o Calendario de Google. Por se ti tamén precisas a palmadiña no obro ao rematares as tarefas. Outro buscador que podes configurar en galego é o de Microsoft, Bing. A tradución de Google e das súas ferramentas é boa. Palabra. A de Bing non o sei porque non o emprego.
- Procesadores de texto. Microsoft Word (e algunhas aplicacións do paquete de Office 365), AbiWord, LibreOffice e todo o paquete de Apache OpenOffice. Ademais, estes os tres últimos son de código aberto e pódelos descargar de balde. Eu uso Office 365 e teño que sinalar que non ten a tradución completa, como podes ver na imaxe inferior. Pero para quen escribimos en galego, o corrector funciona decentemente. Non sei de primeira man como é a tradución de AbiWord nin a do paquete de Apache OpenOffice porque nunca os usei, pero a de LibreOffice está moi ben e a do seu corrector tamén.
E ata aquí o que puiden comprobar polo de agora.
Empregas algunha aplicación en galego que non mencionei? Cóntame nos comentarios e así ampliamos a lista.
No hay comentarios