Axúdoche a comunicarte de maneira eficaz con clientes de fala inglesa, a asegurarte de que os teus documentos non teñen erros e a conectar coa túa clientela ideal a través de textos estratéxicos e atractivos.

Ola

Quero axudarche a que te comuniques de maneira eficaz para que conectes cos teus clientes.

Queres que ese cliente te entenda, pero non te decides a delegar noutra persoa ese traballo porque queres que soe a ti. Non encontras as palabras axeitadas para dicir iso que tes na cabeza e sentes que lle estás a dedicar máis tempo a pensar en todo isto que a facer o teu.

Non te preocupes, podo axudarche coa túa comunicación.

Chámome Marta e son tradutora, correctora e copywriter. Encantada!

Por que Lingua Trabada?

«Trábaseme a lingua e xa parece que non sei nin falar». Seguro que o tes escoitado e tamén che pasou máis dunha vez. É ese momento no que a lingua patina porque xa non sabe a cal dos mil pensamentos que tes na cabeza atender. Mestúrase todo aí arriba e xa non saen as palabras.

Por iso souben que ese ía ser o nome do meu proxecto, porque definía perfectamente o momento límite no que sabes que necesitas que che boten unha man coa comunicación. E iso é exactamente ao que me dedico.

Recórdame dalgunha maneira a unha alarma á que xa lle deches a pospoñer moitas veces e á que é necesario que lle fagas caso para poder continuar, por iso me gusta tanto.

E ti de quen vés sendo?

  • Eu de Tradución e Interpretación, promoción 2011 – 2015.
  • Do equipo café sen azucre.
  • Milenial que roza a xeración Z.
  • Sen plásticos nin estereotipos, por favor.
  • E sempre da Costa da Morte.

Facerte entender está ben, pero saber comunicarte de maneira eficaz é o que marca a diferencia.

Servizos

A comunicación clara e natural establece unhas relacións laborais máis fortes.

Tradución

Se buscas atraer novos clientes internacionais ou tes clientela de fala inglesa e queres que a túa comunicación escrita sexa fluída, natural e humana, a tradución será a túa mellor aliada.

Teño experiencia en tradución xeral e turística e formación en tradución audiovisual e en ciencias sociais. Aínda que se necesitas outra modalidade de tradución, ponte en contacto comigo e axudareiche en todo o que poida.

Inglés

Galego

Castelán

Corrección

Escribiches un texto e necesitas asegurarte de que non ten faltas de ortografía, erros tipográficos nin de puntuación? Preséntoche á túa nova mellor amiga: a corrección ortotipográfica.

Ademais diso, queres asegurarte de que soa natural e de que se adapta ás circunstancias para as que foi redactado? Nese caso, a túa amiga da alma será a corrección estilística.

Galego

Castelán

Copywriting

Non sabes por onde empezar a redactar a túa web ou intentáchelo, pero sempre quedas no mesmo sitio sen saber como continuar. Ou, quizais, o que pasa é que xa non che dá a vida para escribir a newsletter que estás a pospoñer desde hai meses. Ademais, non queres soar desesperada por vender nin tampouco impersoal, porque ti non es nada diso. Se che soa familiar, necesitas unha ronda de copywriting.

Galego

Castelán

Interpretación

Veñen os teus clientes de fala inglesa aquí e necesitas asegurarte de que tanto ti coma eles ou elas entendedes todo. Sabes que non podes arriscarte a ter unha comunicación en inglés macarrónico, por iso a interpretación será a túa mellor guía para o evento.

Ofrezo este servizo nas modalidades de interpretación de enlace e interpretación simultánea. A primeira fágoa tanto de forma presencial como a través de videoconferencia, mentres que para a segunda é preciso que dispoñas do equipo técnico.

Inglés

Galego

Castelán

Funcionamento

Envíame un correo e cóntame que necesitas. Non esquezas achegar unha copia do documento.

Estudo a túa petición, pregúntoche posibles dúbidas e envíoche o presuposto.

Confirmas a encomenda, aboas a metade do importe e fixamos unha data de entrega.

Envíoche a tradución ou corrección por correo electrónico e aboas a outra metade do importe.

Se necesitas axuda coa redacción dos textos da túa web ou da newsletter:

Necesito axuda

Contacto

Se necesitas máis información sobre os meus servizos ou sobre como che podo axudar, podes escribirme a través deste formulario:

    Nome
    Correo electrónico
    Asunto
    Mensaxe

    Axúdoche a comunicarte como se o teu negocio dependera diso.