Comunica sen perder o teu xeito
A túa esencia, idea, personalidade, je ne sais quoi. Chámalle x, pero refírome a iso que te fai ser ti.


No mercado hai unha cantidade inxente de negocios que ofrecen servizos e produtos moi similares ou iguais aos teus.
Entón, por que ti?
A túa experiencia, formación, vivencias, preocupacións sociais ou ambientais, as túas paixóns. A mestura de todo o que te fai ser ti e dedicarte ao que fas non se pode copiar. E este é o sitio para contalo.
Así que fala de ti e da túa marca e mostra ese xeito tan teu. Sen medo.
Eu axúdoche a contalo.
Aquí Marta, tradutora, copywriter e correctora
Teño tantos carnés de biblioteca como cidades nas que vivín. Penso que 6.
O feito de conservalos, aínda que deixara de usalos a medida que cambiaba de cidade, é unha especie de fetiche.
Polo recordo e tamén pola posibilidade de, se volvo, saber que poderei sacar un libro para calmar esa adicción lectora.
Dixéronme que isto é «moi de tradutora». O de ler e tamén o de ser aventureira.
Non sei se esta é unha característica común na profesión, pero o que si teño claro é que, no meu caso, ler moito avivou o meu interese por viaxar.


Empecei aos 14 anos, primeiro con becas para aprender inglés no Reino Unido e en Malta e, despois, para traballar ou queimar aforros que, nalgunha ocasión, pode que fora un pouquiño kamikaze, confésoo.
Pero tamén o foi empezar Lingua trabada no medio da pandemia e aquí estamos.
E dígoo porque de traducir tiña idea, que para iso fixen a carreira de tradución e interpretación ademais de traballar en distintas empresas nas que usaba as miñas habilidades lingüísticas, pero de levar un negocio non. E de chegar a quen necesitaba e podía pagar os meus servizos, aínda menos.
Pero iso foi o que me levou a formarme en copywriting.
Porque se teimo en facer algo, busco e aprendo o que faga falla para poder conseguilo. Querer non sempre é poder, pero eu inténtoo para despois non arrincar os pelos ao pensar en que pasaría se o fixera.
E sei que ti tamén.